Saltar ao contido

Torre Picasso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torre Picasso
Vista da Torre Picasso desde o ángulo sueste
Coordenadas40°27′01″N 3°41′33″O / 40.450277777778, -3.6925
editar datos en Wikidata ]

A Torre Picasso é un rañaceos situado en Madrid, España, na Praza de Pablo Ruiz Picasso, dentro do complexo empresarial e comercial AZCA, situado xunto ao Paseo da Castellana no corazón financeiro da capital española.

No seu momento, coas súas 47 plantas e 157 metros de altura, foi o rañaceos máis alto de Madrid e de España. Foi proxectada polo arquitecto estadounidense de orixe xaponesa Minoru Yamasaki quen tamén proxectou o desaparecido World Trade Center de Nova York, en colaboración co equipo español dirixido por Jordi Mir Valls e Rafael Coll Pujol. En decembro de 2011 foi adquirida por Pontegadea Inmobiliaria, do empresario galego Amancio Ortega, polo valor de 400 millóns de euros.

Proxectada no ano 1974, a súa construción non se iniciou ata finais de 1982, e foi inaugurado en decembro de 1988. Desde entón, este foi o edificio máis alto de Madrid, superando á Torre de Madrid; pero deixouno de ser durante a construción das catro torres do Cuatro Torres Business Area. Foi así mesmo o máis alto de España ata que o excedeu o Gran Hotel Bali de Benidorm (Alacant).

Características

[editar | editar a fonte]

Unha característica notable da Torre Picasso é o seu amplo arco de entrada, que soporta toda a fachada por encima do mesmo, contando cunha estrutura subterránea de aceiro como reforzo. O oco baixo este arco está cuberto mediante un tipo especial de cristal de seguridade chamado STADIP, o mesmo usado na Torre Agbar de Barcelona.

A Torre Picasso é un calco da Rainier Tower, en Seattle (Estados Unidos), tamén deseñada por Minoru Yamasaki. No caso do edificio estadounidense este posúe un fuste sobre o que se eleva o resto do corpo da torre, que posúe as mesmas liñas esveltas e acabados brancos que a torre madrileña, construída 11 anos máis tarde.

Na actualidade, o inmoble é propiedade do fundador e presidente de Inditex, Amancio Ortega, quen pagou 400 millóns de euros ao seu anterior propietario, Fomento de Construcciones y Contratas, S.A.. Xestiónao e comercialízao PER Gestora Inmobiliaria, S.L. A compra formalizouse o 29 de decembro de 2011.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Torre de Madrid
Edificio máis alto de Madrid
1988-2007
Sucesor:
Torre Espacio
Predecesor:
Torre de Madrid
Edificio máis alto de España
1988-2002
Sucesor:
Gran Hotel Bali

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]